Thursday 25 de April de 2024

A Pobra vivirá un outubro valleinclaniano coas xornadas de homenaxe ao escritor


As Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán regresan por vixésimo terceiro ano consecutivo cunha programación cultural que volve reforzarse e que se estenderá ao longo de todo o mes de outubro en distintos espazos da Pobra do Caramiñal. O Auditorio do Museo Valle-Inclán foi escenario da presentación, a cal contou coa presenza do alcalde, Xosé Lois Piñeiro; do secretario xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo; e do director do Museo Valle-Inclán, Antonio González.

A inauguración efectuarase neste venres 8 coa apertura da exposición de pintura Valle-Inclán ilustrado, de Pedro Castro Couto, que coincidirá coa estrea do romance de cego Don Pedro Bolaño, texto de Ramón del Valle-Inclán e Pedro Castro, con música e interpretación da man de Eloy Vázquez Estévez. Será ás 20.00 horas, na casa da cultura Raquel Fernández Soler. A vertente pictórica terá continuidade no venres 22, ás 20.00 horas, no Museo Valle-Inclán, coa exposición conmemorativa Ramón del Valle-Inclán. Convidado especial da República de México, depósito de Xaquín del Valle-Inclán Alsina.

O eido teatral terá un gran peso nesta convocatoria. A asociación cultural Eiradela converterá os exteriores da Torre de Bermúdez nun particular escenario para interpretar Delicias Literarias, no sábado 9, ás 20.30 horas. Trátase dun espectáculo baseado en Un cabecilla, Divinas palabras e Luces de bohemia. Tatana Teatro encargarase de representar sobre as táboas do Elma, no sábado 16, ás 20.00 horas, Ouróboro. O retorno de Luces de Bohemia. No sábado 23, ás 20.00 horas, Airiños Teatro realizará no Elma a lectura dramatizada Galicia e Valle-Inclán, texto de Castelao e baseado en contos breves de ficción galega como Malpocado, Un cabecilla, O meu bisavó e Os ollos que viron. Volverá Tatana Teatro no venres 29 con Los cuernos de don Friolera (1921), ás 20.00 horas, no Elma. Teatro En Punto procederá nas inmediacións do adro do Castelo, ás 20.00 horas do sábado 30, co espectáculo Palabras en Pedra, baseado en Mi hermana Antonia, El marqués de Bradomín e La lámpara maravillosa. E tamén haberá funcións teatrais destinadas especificamente ao público escolar. Así, Cachirulo levará A cabeza do dragón ao CEP Pilar Maestú Sierra no mércores 20, ás 11.00 horas; e fará o propio no CEP Salustiano Rey Eiras durante a xornada do xoves 21, ás 11.00 e 12.00 horas.

O apartado das conferencias transcorrerá no Auditorio do Museo Valle-Inclán. Comezará no venres 15, ás 20.00 horas, con O pazo na obra literaria de Valle-Inclán, Pardo Bazán e Torrente Ballester, a cargo de José Antonio Ponte Far. Doutra banda, o coloquio De Galicia a México: Valle-Inclán 1921 virá da man de Xaquín del Valle-Inclán Alsina no venres 22, ás 20.30 horas.

Ademais, no venres 29 haberá unha ofrenda cívica onda o monumento de Valle-Inclán situado no Cantón da Leña, ás 13.00 horas, e que estará amenizada polo grupo de música tradicional Os Caraveiros, que se encargará tamén de realizar unha ruada por distintos espazos céntricos da vila, a partir das 12.00 horas.

O público asistente a cada unha das actividades referidas, así como as visitas no Museo, recibirán como agasallo A romaría en honor a Valle-Inclán: Don Ramón nos cumios da Curota (1919), impresos da propia institución museística con edición a cargo de Antonio González Millán e Xaquín del Valle-Inclán Alsina.

A ilustración da cartelaría deste ano foi realizada pola artista galega Iria Ribadomar.

A entrada é de balde. Seguiranse as medidas establecidas por mor da COVID-19, polo que as persoas interesadas en asistir deberán formaliza-la súa reserva a través do enderezo electrónico museo.valleinclan@apobra.gal ou dos teléfonos de contacto 981831662 e 681173484.